Archivo de la etiqueta: Homenaxe

Adeus, Balbino, adeus

Portada do libro

Levamos unha pequena tempada na que “venres” é sinónimo de tristura. Hoxe, 27/11/2015, esta tristura chega ao panorama das Letras Galegas, coa morte dun dos grandes, Xosé Neira Vilas.

Neira Vilas naceu na pequena aldea de Gres, das terras de Lalín, o 3 de novembro de 1928. Coñeceu, no seu fogar campesiño máis precario que farto, a estreitura e a tristura das Posguerras. Estudou nunha escola rural, traballou dabondo na terra nunhas leiras que non eximen nin aos rapaces pequenos e, un bo día, en 1949, foxe ou emigra a Bos aires, a cidade galega máis populosa do mundo, galegos que neses anos protagonizaban un fermoso capítulo da nosa cultura: Castelao, Blanco Amor, Deoane, Dieste…
Alí, xa en contacto con estes homes e as súas inquedanzas, aprende o silabario da patria. Galicia, aquel nome pronunciado en voz baixa, aquel país marxinado ou coutado, e, no seu silabario, “un vento campesiño, unha paisaxe poboada por xentes que sofren a historia”.
En Bos Aires casa cunha cubana filla de galegos e, en 1961, emigran (e non foxen) a Cuba.
Neira Vilas, tanto tempo fóra do berce idiomático, tanto tempo lonxe da terra onde as palabras son quentura e comunicación viva, escribe un galego extraordinario: exemplar na naturalidade, rico como moi poucos e rigurosamente enxebre (puro e lexítimo).

“Eu Son…
Balbino. Un rapaz da Aldea. Coma quen dis, un ninguén. E ademais, pobre.”

Memorias dun neno labrego” foi a obra que o levou ata o cumio do seu éxito. É unha novela histórica e social publicada na Arxentina en 1961. De 1961 a 1981 editouse en galego unha ducia de veces e todo iso sen contarmos as edicións en castelán (España e Cuba) e sin termos en conta a versión portuguesa de 1968. A día de hoxe téñense publicados en lingua galega uns cen mil exemplares, lidos moitos con fruición, outros con paixón, pero ningún con indiferencia.
Na actualidade é o libro máis lido da literatura galega e ten traduccións a linguas como o chinés, o alemán, o ruso, o italiano…

“Ninguén me di para que serven as estrelas nin onde morren ox paxaros”.

Memorias dun neno labrego” foi creada coa intención de plasmar o estilo de vida dos anos 40 para un xoven campesiño dunha aldea galega.
O protagonista da nosa obra é Balbino, un neno dun pequeno pobo rural, que ten que loitar contra as inxustizas e o caciquismo daquela época da sociedade galega.

Balbino era un neno especial, un rapaz de aldea coa intención de entender o mundo.
A terra terá que serlle leve a Xosé Neira Vilas, xa que el non foi un ninguén, senón que foi Balbino, foi Galicia e, coma sempre dixo, foi un obreiro das verbas. Balbino, un rapaz que nos ensinou o verdadeiro valor da rebeldía.

Grazas por formar parte da memoria eterna do pobo galego. Sentímonos tristes por quedar orfos dun referente da nosa verdadeira identidade.

Sempre na lembranza.

Anuncios